viernes, 22 de abril de 2016

SUBVENCIÓNS PARA EMPRESAS DO AGADER

Tipos de apoio

As axudas consistirán en subvencións directas de capital. Concesión en réxime de concorrencia competitiva.

Beneficiarios potenciais

1. As pequenas empresas. Aquela que ocupa menos de 50 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros.

As empresas deberán ter a súa razón social ou ben o seu centro de traballo no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Persoas físicas que residan nunha zona rural.

3. Titulares ou membros dunha unidade familiar dunha explotación agraria que diversifiquen as súas actividades en ámbitos non agrícolas e que desenvolvan o seu proxecto na propia explotación.

A explotación agraria deberá estar inscrita no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga) e ter a cualificación de explotación agraria prioritaria no momento da solicitude da axuda.

Requisitos principais do proxecto

1. Con carácter xeral, serán subvencionables os proxectos destinados á creación, ampliación e/ou modernización de pequenas empresas que desenvolven actividades non agrarias nos seguintes sectores e ámbitos de actividade:

a) Industrias, fábricas e locais destinados á produción de bens e materiais.

Non obstante o anterior, os investimentos relacionados coa utilización da madeira como materia prima ou fonte de enerxía limitaranse ás operacións de segunda transformación.

b) Transformación e/ou comercialización de produtos agrarios, cando o produto final do proceso de transformación e/ou comercialización derivado dos investimentos non estea incluído no anexo I do Tratado de funcionamento da Unión Europea (TFUE). Non obstante o anterior, excluiranse aqueles proxectos cun orzamento subvencionable superior a 30.000 €.

c) Prestación de servizos en calquera sector económico, con exclusión das empresas de servizos de maquinaria agrícola e forestal e das empresas de servizos enerxéticos.

d) Prestación de servizos sociais (gardarías, coidado de anciáns, de persoas con discapacidade, granxas-escola...).

e) Actividades de lecer, recreativas e deportivas.

f) Artesanía e actividades artesanais.

g) Actividades baseadas nas novas TIC, innovación tecnolóxica e comercio electrónico.

h) Actividades nos sectores da enxeñaría, arquitectura, servizos técnicos, limpeza industrial e veterinaria.

i) Comercio polo miúdo de produtos non incluídos no anexo I do TFUE.

j) No sector da restauración turística:

– Creación de novos restaurantes situados en construcións patrimoniais senlleiras (pazos, muíños, patrimonio industrial, pallozas, faros…) e que vaian ofertar unha cociña baseada na gastronomía galega tradicional ou que con ese substrato propoñan técnicas innovadoras ou fusións con outras gastronomías do mundo.

– Investimentos destinados a mellorar as condicións de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas dos establecementos de restauración xa existentes.

Exclúense as actuacións en bares e cafetarías.

k) Actividade turística de aloxamento: nos establecementos de aloxamento turístico poderán subvencionarse investimentos destinados ao aumento de categoría do establecemento e outras actuacións destinadas a mellorar as condicións de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas.

2. Todos os proxectos subvencionables deberán cumprir os requisitos seguintes:

a) Que non estean iniciados na data de presentación da solicitude da axuda. Para estes efectos, considerarase como inicio do investimento o comezo dos traballos de construción, ou ben o primeiro compromiso en firme para o pedido dos equipamentos ou outro compromiso que faga o investimento irreversible, se esta data é anterior.

O persoal técnico da Agader comprobará este requisito mediante a realización dunha acta de non inicio durante a fase de revisión da solicitude da axuda. Se o solicitante desexa iniciar a execución do proxecto antes da realización da citada comprobación, deberá achegar unha acta notarial que reflicta fidedignamente o non inicio da obra, instalación ou equipamento.

Se o investimento consiste exclusivamente na compra de maquinaria e/ou equipamento, non será necesario acreditar que o proxecto non está iniciado nos termos expostos.

b) Que se desenvolvan no territorio de Galicia, exceptuando as zonas incluídas nos perímetros urbanos definidos como tales no planeamento urbanístico vixente das cidades de Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo.

c) Que sexan finalistas, é dicir, que no momento do pagamento final cumpran os obxectivos e funcións para os cales se lles concedeu a axuda.

d) Que sexan viables técnica, económica e financeiramente.

e) Que se axusten á normativa sectorial que resulte de aplicación para cada tipo de proxecto.

f) Que se axusten ás especificacións indicadas nas presentes bases.

g) No suposto de proxectos de ampliación e/ou modernización dunha actividade económica xa existente, o investimento proxectado deberá mellorar o rendemento global da empresa solicitante.

h) Nos proxectos de creación dunha pequena empresa, será requisito necesario acreditar a xeración de emprego equivalente, cando menos, a unha unidade de traballo anual (UTA). Para estes efectos, unha UTA equivale ao traballo dunha persoa na empresa en cuestión ou por conta da dita empresa a tempo completo durante todo o ano de que se trate. O traballo das persoas que non traballan todo o ano, ou traballan a tempo parcial, independentemente da duración do seu traballo, ou o traballo estacional, computarase como fraccións de UTA.

Para estes efectos, enténdese por xeración de emprego a creación de novos postos de traballo fixos, eventuais, a tempo parcial ou a tempo completo, independentemente do réxime laboral que os regule.

No caso de empresas con actividade preexistente, deberán, polo menos, manter o emprego existente na dita empresa (computado en UTAS) no momento da solicitude da axuda.

i) Que o orzamento elixible estea comprendido entre 10.000 e 300.000 euros

Contía das axudas

A axuda será do 45 % dos gastos subvencionables.
Prazo de solicitude: ata o 07/05/2016

Máis información

http://www.igape.es/gl/base-xeral-de-axudas/ficha/AGAD009

No hay comentarios: