jueves, 7 de febrero de 2019

AXUDAS VIVENDAS DO INSTITUTO GALEGO DE VIVENDA E SOLO

No DOG do 05/02/2019 o Instituto Galego de Vivenda e Solo convoca os seguintes programas:

Préstamos para rehabilitación 

No caso dos préstamos para rehabilitación, trátase de créditos que se concederán a persoas físicas con ingresos que non superen 6,5 veces o Iprem, e con destino á rehabilitación de vivendas. As entidades financeiras Abanca, Caixa Rural Galega, CaixaBank e Banco de Sabadell serán as encargadas de conceder estes préstamos, cun importe máximo de 30.000 ou 60.000 euros, dependendo de que a garantía dos mesmos sexa persoal ou hipotecaria.

A Xunta subsidiará os xuros do préstamo en función dos ingresos dos beneficiarios:
Ingresos
Subsidiación máxima
Duración máxima da subsidiación
Menor ou igual a 4
100 % dos xuros
48 meses
Maior de 4 e menor de 5,5
80 % dos xuros
36 meses
Maior de 5,5 e menor de 6,5
Sen subsidiación
Duración do préstamo

Estas axudas poderán solicitarse ata o 15 de outubro deste ano e a convocatoria está dotada dun total de 204.405 euros.

Programa Rehaluga 

O Rehaluga é outra liña de subvencións dirixida a propietarios de inmobles adheridos ao Programa de Vivendas Baleiras co fin de axudalos a costear a realización de obras de rehabilitación e mellora nas súas vivendas.

O importe da axuda suporá o 100% do custo das actuacións executadas, cun límite de 8.000 euros por vivenda. Cómpre salientar que o importe máximo da axuda se incrementa de forma notable na convocatoria deste ano, xa que pasa de 4.000 euros por vivenda en residencial colectivo ou 5.500 para vivendas unifamiliares fixado na anterior convocatoria, aos 8.000 euros da actual.

A axuda poderá solicitarse ata o próximo 29 de novembro e a convocatoria está dotada en total cunha partida de 100.000 euros.

Vivendas de mestres 

O programa de rehabilitación de vivendas de mestres, doutros oficios e demais edificios e vivendas de titularidade municipal está dirixido a facilitar aos concellos a creación dun parque público propio de vivenda para alugueiro, ao tempo que fomenta a rehabilitación de construcións xa existentes.

Poden acceder a estas axudas os municipios de menos de 20.000 habitantes nos que existan demandantes inscritos no Rexistro de Demandantes de Vivenda de Galicia (polo menos, tantos como vivendas se pretende rehabilitar). Unha vez rehabilitadas, as vivendas destinaranse, en réxime de aluguer, a unidades de convivencia con escasos recursos económicos (menos de 2,5 IPREM) durante un prazo non inferior a 20 anos.

O concello solicitante deberá estar adherido ao Programa de Vivendas Baleiras ou en trámite de adhesión e as vivendas rehabilitadas adxudicaranse conforme a este programa.

A axuda ascenderá ao 90% do custo da actuación, co límite de 40.000 euros por vivenda, que se incrementan ata os 48.000 euros se as vivendas están emprazadas en ámbitos históricos ou dos Camiños de Santiago.

A axuda poderá solicitarse ata o próximo 31 de maio. A convocatoria conta cunha dotación de 1.761.135 euros, o que supón máis do dobre do crédito disposto na primeira convocatoria realizada no ano 2017 (850.000 €) e un 86% máis que na do ano pasado (948.332 €).

Infravivenda 

Por último, o programa de infravivenda prevé axudas para a rehabilitación de inmobles destinados a vivenda que non reúnen uns requisitos mínimos de habitabilidade e estean emprazados en concellos de menos de 10.000 habitantes.

O inmoble poderá ser propiedade dos seus residentes ou do concello, pero en ambos casos a axuda debe solicitala a entidade local.

No hay comentarios: