lunes, 6 de julio de 2020

CHEQUE AUTÓNOMO DA CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA


PRAZO DE SOLICITUDE: un mes, a partir de mañá día 07/07/2020, pero as solicitudes vanse resolvendo por orde de entrada ata o esgotamento do crédito.
QUEN PODE SOLICITAR:
1. As persoas traballadoras autónomas ou mutualistas de mutualidade do colexio profesional con domicilio fiscal en Galicia que estean en activo e cumpran os seguintes requisitos:
a) Que non percibisen prestación extraordinaria por cesamento temporal de actividade motivada pola pandemia do COVID-19, o que demostrará cunha declaración responsable.
b) Que teñan unha diminución na facturación superior ao 50 % comparando a facturación do segundo trimestre de 2020 coa do primeiro trimestre de 2020, o que demostrarán cunha declaración responsable.
c) Que teñan un rendemento neto reducido dos rendementos de actividades económicas declarados na declaración do IRPF anual inferior a 30.000 euros e unha facturación mínima anual de 12.000 euros, IVE incluído, na declaración referida ao ano 2019 (ou do último ano que a presentara), que demostrará cunha declaración responsable.
2. As sociedades de calquera clase e comunidades de bens con domicilio fiscal en Galicia que estean en activo e que cumpran os seguintes requisitos:
a) Que as persoas traballadoras autónomas societarias non percibisen prestación extraordinaria por cesamento temporal de actividade motivada pola pandemia do COVID-19, o que demostrará cunha declaración responsable.
b) Que teñan unha diminución na facturación superior ao 50 % na facturación, comparando a facturacións do segundo trimestre de 2020 coa do primeiro trimestre de 2020, o que demostrará cunha declaración responsable.
c) A empresa teña unha base impoñible no imposto de sociedades da declaración referida ao ano 2019 (ou á última declaración presentada) inferior a 30.000 euros (segundo o recadro 552 do imposto do sociedades), que demostrará cunha declaración responsable. No caso de entidades que tributen en réxime de atribución de rendas este importe de 30.000 euros refirirase ao rendemento neto reducido dos rendementos de actividades económicas declaradas no IRPF da suma de todos os membros da sociedade ou comunidade de bens, que demostrará cunha declaración responsable. Que a sociedade teña unha facturación mínima anual de 12.000 euros, IVE incluído, na declaración referida ao ano 2019 (ou do último ano que a presentase), que demostrará cunha declaración responsable.
3. Quedan excluídos desta orde os familiares que, de maneira habitual, realizan traballos para persoas traballadoras autónomas ou mutualistas de colexio profesional e que non teñan a condición de persoas traballadoras por conta allea conforme o establecido no artigo 1.3.e) do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro.
4. Tanto as persoas traballadoras autónomas como as mutualistas e as sociedades deben ter un período mínimo de actividade de 12 meses inmediatamente anteriores á declaración do Estado de alarma (Real decreto 463/2020, do 14 de marzo BOE núm. 67, do 14 de marzo), segundo a comprobación de vida laboral para a persoa traballadora autónoma ou alta no IAE para as sociedades.
CUANTÍA DAS AXUDAS:
1. Axuda a gastos loxísticos e de transporte de envíos da empresa comercializadora de produtos finais ao domicilio das persoas consumidoras finais. A axuda será de de 3 € por envío contratado con empresas loxísticas externas.
Subvencionarase un máximo de 100 envíos para a persoa autónoma individual. Se a empresa ten entre 1 e 5 persoas empregadas por conta allea, o máximo serán de 150 envíos. Se a empresa ten máis de 5 persoas empregadas por conta allea, os envíos máximos serán 200.
2. Axuda do 100 % dos seguintes gastos da actividade da empresa establecidos consonte o artigo 4.3 da Orde ESS/1924/2016, do 13 de decembro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2014-2020:
O pagamento por estar nalgunha plataforma de e-commerce local.
O pagamento por licenza de uso de software de venta en liña.
Gastos de publicidade en redes sociais.
Gastos correntes de seguridade motivadas polo COVID-19 entre os que están, entre outros, os gastos en máscaras, luvas, desinfectante, limpeza, anteparos, asesoramento en prevención de riscos laborais.
Gastos de subministracións e de telecomunicacións.
En todo caso, só serán subvencionables os gastos nos recursos, aplicacións e equipamentos que non teñan a consideración de investimento nos termos sinalados no artigo 4.3 da referida Orde ESS/1924/2016.
3. Axudas máximas:
A axuda máxima para o punto un deste artigo será:
– Para a persoa autónoma individual 300 €.
– Se a empresa ten entre 1 e 5 persoas empregadas por conta allea 450 €.
– Se a empresa ten máis de 5 persoas empregadas por conta allea 600 €.
A axuda máxima para o punto dous deste artigo será:
– Para a persoa autónoma individual 600 €
– Se a empresa ten entre 1 e 5 persoas empregadas por conta allea 900 €.
– Se a empresa ten máis de 5 persoas empregadas por conta allea 1.200 €.
Ambas as axudas son compatibles polo que as axudas máximas do punto un máis do dous deste artigo serán:
– Para a persoa autónoma individual, 900 €.
– Se a empresa ten entre 1 e 5 persoas empregadas por conta allea, 1.350 €.
– Se a empresa ten máis de 5 persoas empregadas por conta allea, 1.800 €.
A axuda máxima será de 1.800 €.
4. Na solicitude haberá de presentar un proxecto en forma de orzamento feito pola persoa solicitante cos conceptos polos que solicita a axuda, tanto das axudas previstas nos punto un como as do punto dous, e a cantidade que solicita para cada concepto deles.
5. Deberase facer unha declaración responsable co número de persoas traballadoras por conta allea contratados pola empresa.
6. Serán subvencionables os envíos e gastos realizados desde o inicio do estado de alarma o 15 de marzo de 2020 (Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, BOE núm. 67, do 14 de marzo) ata o 20 de decembro de 2020.
ENTRE AS OBRIGAS ESTÁ:

- No caso das persoas autónomas individuais e mutualistas, manter a alta no RETA ou mutualidade durante un tempo mínimo de 3 meses desde a concesión da subvención e que a persoa traballadora autónoma ou mutualista estea en activo tras o período de duración do Estado de alarma declaración polo Real decreto 463/2020 e as sucesivas prórrogas, salvo cesamento por causas alleas á súa vontade, o cal deberá acreditar fidedignamente.

Máis información contactando coa Axente de emprego e desenvolvemento local do concello, e tamén pinchando no seguinte enlace: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200706/AnuncioG0424-260620-0003_gl.html

No hay comentarios: