martes, 11 de abril de 2023

Programa de avais para a mocidade para a compra da primeira vivenda

 O Programa de avais para a mocidade ten por obxecto prestar unha cobertura temporal e financeira, de carácter persoal, para a adquisición da primeira vivenda por persoas teñan menos de 36 anos.

Para poder ser beneficiaria do programa é preciso que na data da presentación da solicitude se cumpran os seguintes requisitos:

a) Que a persoa solicitante, que deberá ser quen vaia adquirir a vivenda, posúa a nacionalidade española ou a dalgún dos Estados membros da Unión Europea. En caso de persoas estranxeiras provenientes de países terceiros, estas deberán contar con autorización de estadía ou residencia en España. No suposto de que a vivenda sexa adquirida por máis dunha persoa, todas elas deberán cumprir este requisito.

b) Que a persoa solicitante sexa maior de idade e teña menos de 36 anos. No suposto de que a vivenda sexa adquirida por máis dunha persoa, todas elas deberán cumprir este requisito.

c) Que a persoa solicitante estea empadroada en Galicia. No suposto de que a vivenda sexa adquirida por máis dunha persoa, todas elas deberán cumprir este requisito.

d) Que a persoa solicitante dispoña duns ingresos mínimos de 2 veces o IPREM* e uns ingresos máximos de 5,5 veces o IPREM. A devandita porcentaxe máxima será do 6,5 veces o IPREM, se a vivenda é adquirida por máis dunha persoa.

Así mesmo, para a obtención do aval é preciso que concorran os seguintes requisitos:

a) Que a vivenda estea situada en Galicia e vaia ser destinada a residencia habitual e permanente da/das persoa/s adquirente/s durante, cando menos, todo o período en que estea vixente a garantía.

b) Que o prezo de adquisición da vivenda, sen os gastos e tributos inherentes á adquisición, non supere os prezos de adquisición, segundo as zonas territoriais** onde se localice a vivenda:

− Concellos correspondentes ao ámbito territorial de prezo máximo superior: 240.000 euros.

− Concellos correspondentes á zona territorial 1: 180.000 euros.

− Concellos correspondentes á zona territorial 2: 130.000 euros.

Non se outorgará a garantía cando a vivenda que se pretende adquirir non vaia constituír a primeira vivenda en propiedade da/s persoa/s adquirente/s. Tampouco se outorgará o aval cando a/as persoa/s adquirente/s sexan propietarios/as ou usufrutuarios/as dunha vivenda en España.

Exceptuarase este requisito nos seguintes casos:

a) Cando o dereito recaese unicamente sobre unha parte alícuota da vivenda e se adquirise por herdanza ou mediante transmisión mortis causa sen testamento.

b) Cando non se dispoña da vivenda por causa de separación ou divorcio, situacións catastróficas ou situacións de violencia de xénero ou ameaza/vítima de terrorismo.

c) Cando a vivenda resulta inaccesible por situacións sobrevidas de dependencia ou discapacidade da/das persoa/s adquirente/s da vivenda ou dalgún dos membros da súa unidade de convivencia, cun grao de discapacidade recoñecido oficialmente igual ou superior ao 33 %.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal co procedemento VI402B

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día 28 de abril e estará aberto ata o 30 de novembro de 2023, ou ata o esgotamento do importe máximo de avais que se concedan no ano 2023, que se fixa en cinco millóns de euros.

Maís información no https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230411/AnuncioC3Q2-040423-0002_gl.html

* IPREM Mensual para 2023: 600 €

No hay comentarios: