RESOLUCIÓN do 1 de xullo de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas do bono de alugueiro social e se procede á súa convocatoria continuada e permanente ata o esgotamento do crédito (código de procedemento VI482F).
As axudas do bono de alugueiro social están destinadas a atender, con carácter urxente, os seguintes colectivos:
a) Aquelas unidades de convivencia que precisen dunha axuda para asumir o custo do arrendamento da súa vivenda por estaren inmersas en situacións de especial dificultade que determinaron que a persoa arrendadora interpuxese unha demanda de desafiuzamento por non pagamento das rendas.
b) As unidades de convivencia das vítimas de violencia de xénero que teñan dificultade para asumir o custo do arrendamento dunha vivenda. Para os efectos deste programa, incluiranse as mulleres vítimas de violencia de xénero nunha relación de convivencia e de dependencia económica do seu agresor ou, no caso de mulleres vítimas de trata con fins de explotación sexual, de dependencia da persoa que manteña sobre ela unha relación de dominación.
Terán tamén esa consideración as mulleres que padecesen violencia vicaria ou violencia por interposita persona, con resultado de morte, así como as fillas e fillos menores de 30 anos das vítimas mortais por violencia de xénero, calquera que sexa a natureza da súa filiación, que se encontrasen nunha situación de dependencia económica da nai ou do agresor no momento do falecemento da vítima.
c) Aquelas unidades de convivencia con dificultades para asumiren o custo do arrendamento dunha vivenda e que fosen privadas da súa vivenda habitual, que posúen en calidade de propietarias ou usufrutuarias, por danos sufridos nesta, derivados dunha circunstancia imprevisible e sobrevida, tales como incendios, inundacións, etc. Excepcionalmente, poderán acceder a esta axuda as persoas arrendatarias destas vivendas sempre que se acredite no informe dos servizos municipais a xustificación da excepcionalidade, a inexistencia de alternativas e a situación de vulnerabilidade da unidade de convivencia.
d) Aquelas unidades de convivencia ás cales, tendo sido arrendatarias dunha vivenda de promoción pública de titularidade do IGVS, lle finalizase a vixencia do seu contrato, unha vez publicada esta resolución.
e) Aquelas unidades de convivencia ás cales, por concorreren circunstancias de emerxencia social e non acadaren o límite mínimo de ingresos establecido no Programa de vivendas baleiras cos concellos, a Comisión de Seguimento e Coordinación do citado programa lles propoña a adxudicación dunha vivenda.
f) Aquelas unidades de convivencia que, sendo residentes en vivendas de entidades financeiras ou da Sociedade de Xestión de Activos Procedentes de Reestruturación Bancaria (Sareb), en virtude dos convenios de colaboración subscritos entre o IGVS e as citadas entidades, rematasen a vixencia do seu contrato de arrendamento dentro dos seis meses anteriores á data de presentación da súa solicitude de axuda do Programa do bono alugueiro social.
g) Os/as mozos/as menores de idade tutelados pola Xunta de Galicia, unha vez que acaden a maioría de idade e saian do réxime de tutela, co obxecto de facilitarlles o acceso a unha vivenda en réxime de arrendamento.
h) As persoas que fosen privadas da súa vivenda habitual como consecuencia de procedementos xudiciais de execución hipotecaria ou dun acordo extraxudicial de venda ou dación en pagamento a entidades financeiras.
i) As persoas que sexan beneficiarias do bono de alugueiro social, ou que estean en situación de prórroga, con base nas convocatorias anteriores, sempre que acrediten que continúan en situación de vulnerabilidade.
2. Excepcionalmente, poderase conceder esta axuda en situacións de emerxencia ou catástrofe, cando así o considere o Consello da Xunta, en atención á extrema urxencia da súa situación.
Máis información: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220713/AnuncioC3Q2-040722-0001_gl.html
No hay comentarios:
Publicar un comentario