jueves, 15 de julio de 2021

PROGRAMA EMEGA: AXUDAS A MULLERES EMPRENDEDORAS E EMPRESAS CONSTITUÍDAS POR MULLERES

O programa Emega comprende un conxunto de axudas dirixidas a apoiar a posta en marcha, a mellora e a reactivación de iniciativas empresariais constituídas por mulleres, xunto con medidas complementarias para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, así como o acceso a servizos específicos de información, asesoramento e orientación empresarial co obxecto de facilitar a implantación e consolidación dos proxectos empresariais promovidos por mulleres.

Liñas de axuda:

a) Liña Emprende: liña de axudas económicas mediante incentivos para promover a posta en marcha de novas iniciativas empresariais e a creación de emprego feminino estable por conta propia e allea.


b) Liña Activa: liña de axudas económicas mediante incentivos para favorecer a reactivación, a consolidación de empresas constituídas por mulleres, ou a implantación de medidas innovadoras para a mellora da competitividade, a través de medidas de renovación, implantación, ampliación ou cambio de localización da actividade dirixidas a paliar unha situación económica adversa, e que resulten necesarias para o mantemento do emprego por conta propia e por conta allea, así como para acadar o necesario equilibrio empresarial e asegurar a súa pervivencia, consolidación e mellora, no actual contexto económico, contexto que se viu agravado pola situación da pandemia pola COVID-19. As ditas medidas non poderán supor, en ningún caso, destrución do emprego existente por conta propia e allea.

c) Liña ITEF: liña de axudas económicas mediante incentivos para impulsar a implantación de iniciativas empresariais de carácter innovador, con contido científico ou con base tecnolóxica, promovidas por mulleres e que supoñan a creación de emprego feminino estable por conta propia e allea.

d) Liña Concilia: axuda complementaria das liñas Emprende, Activa e ITEF para promover a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, nas súas dúas modalidades: Concilia-promotoras e Concilia-persoas traballadoras por conta allea.


Prazo de solicitude: desde o 15/07/2021 ata o 16/08/2021.

Máis información e solicitudes contactar coa AEDL do concello do Vicedo, ou pinchar no seguinte enlace: https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=SI429A

No hay comentarios: