Axudas
para proxectos ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo
(en diante, EDLP), aprobados pola Consellería do Mar aos grupos de acción local
do sector pesqueiro (en diante, GALP).
Proxectos .
Os proxectos que se presenten poderán ser para
investimentos produtivos ou para investimentos non produtivos.
Con carácter xeral, os proxectos deberán cumprir os
seguintes requisitos:
a) Contribuír aos obxectivos da estratexia de
desenvolvemento local participativo (EDLP) aprobada para a zona pesqueira onde
se vaian desenvolver.
b) Estar localizados no ámbito territorial elixible de
cada GALP.
c) Ser viables técnica e economicamente.
d) Axustarse á normativa sectorial (comunitaria, estatal
e autonómica) que resulte de aplicación para cada tipo de proxecto.
Persoas
e entidades beneficiarias de proxectos de investimento produtivo
Poderán ser beneficiarias dos proxectos de investimento
produtivo as persoas físicas ou xurídicas que cumpran os seguintes requisitos:
a) Estar empadroadas ou ter o seu domicilio social e
fiscal nalgún concello do ámbito territorial.
b) Desenvolver o proxecto no mesmo ámbito territorial.
c) Cando a beneficiaria sexa unha sociedade de capital, o
proxecto deberá adecuarse ao obxecto social que se recolla nos seus estatutos.
d) No caso de municipios densamente poboados en que a
EDLP non computa a totalidade da poboación (só a integrante do sector pesqueiro
e os seus familiares), poderán ser beneficiarias:
1º. As persoas xurídicas do sector pesqueiro con
domicilio social e fiscal no municipio e en cuxo obxecto social figuren
actividades propias do sector pesqueiro.
No caso de que a persoa xurídica desenvolva actividades
noutros sectores, deberá acreditar, no momento da solicitude, que a maior parte
da súa facturación provén do sector pesqueiro.
2º. As persoas físicas integrantes do sector pesqueiro e
os seus familiares. Enténdese por familiares do sector pesqueiro aquelas
persoas en cuxa unidade familiar figure algunha persoa física, ata o segundo
grao de consanguinidade ou afinidade, viva ou falecida no ano inmediato
anterior á data da solicitude, que sexa ou fose un/unha pescador/a,
mariscador/a, acuicultor/a ou persoa traballadora en activo relacionada coa
actividade pesqueira ou que traballase nese sector de forma manifesta.
3º. As entidades públicas locais cuxos proxectos están
dirixidos á poboación integrante do sector pesqueiro ou que presenten
beneficios para o resto do territorio da zona pesqueira.
e) As beneficiarias dos proxectos produtivos limitaranse
á categoría de peme, excepto as entidades públicas de carácter local, segundo a
definición do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de
xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co
mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado.
f) As empresas que estean suxeitas a unha orde de
recuperación de axudas como consecuencia dunha decisión previa da Comisión
Europea que as declare ilegais e incompatibles co mercado común.
Entidades beneficiarias de proxectos de investimento non
produtivo
1. Poderán ser beneficiarias dos proxectos de
investimento non produtivo:
a) Confrarías de pescadores e as súas federacións.
b) Asociacións profesionais do sector pesqueiro e as súas
federacións.
c) Entidades sen ánimo de lucro integradas só por
confrarías de pescadores e/ou asociacións do sector pesqueiro.
d) Entidades públicas locais.
e) Asociacións declaradas de utilidade pública.
f) Entidades sen ánimo de lucro que teñan, entre os seus
obxectivos, algún dos seguintes:
1º. Fomentar as actividades náuticas.
2º. Promocionar os produtos pesqueiros do territorio.
3º. Fomentar o medio mariño e costeiro.
4º. Promover o patrimonio cultural marítimo pesqueiro.
Prazo de presentación de solicitudes: un mes contado a partir do 27/01/2022.
Máis información: Axente de emprego e desenvolvemento local municipal, no propio GALP, ou no seguinte enlace: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220127/AnuncioG0427-301221-0005_gl.html
No hay comentarios:
Publicar un comentario