As
subvencións do Programa do bono de alugamento social están destinadas a
atender con carácter urxente as seguintes unidades de convivencia:
a)
Aquelas que precisen dunha axuda para asumir o custo do arrendamento da
súa vivenda, por estaren inmersas en situacións de especial dificultade
que determinaron que a persoa arrendadora interpuxese unha demanda de
desafiuzamento por non pagamento das rendas.
b) As das vítimas de
violencia de xénero que teñan dificultade para asumir o custo do
arrendamento dunha vivenda e que no momento da solicitude estean
residindo nun recurso de acollida dos integrados na Rede galega de
acollemento para este colectivo e adscrito a unha Administración
pública.
Para os efectos deste programa, consideraranse vítimas
de violencia de xénero as mulleres, os seus fillos e fillas menores
orfos, vítimas tamén desta violencia, así como as mulleres e nenas
vítimas de trata con fins de explotación sexual. Terán tamén esa
consideración as mulleres que padecesen violencia vicaria ou violencia
por interpósita persoa.
c)
Aquelas con dificultades para asumir o custo do arrendamento dunha
vivenda e que fosen privadas da súa vivenda habitual, que posúen en
calidade de propietarias ou usufrutuarias, por danos sufridos nesta,
derivados dunha circunstancia imprevisible e sobrevida, tales como
incendios, inundacións, etc.
d) Aquelas que, tendo sido
beneficiarias do programa Aluga, regulado polo Decreto 84/2010, do 27 de
maio, para o fomento do alugamento de vivendas na Comunidade Autónoma
de Galicia, desfrutasen na súa totalidade da subvención do dito programa
e lles rematase o período máximo de desfrute desa axuda dentro dos seis
meses anteriores á data da presentación da súa solicitude de subvención
do Programa de bono alugamento social.
e) Aquelas ás cales,
tendo sido arrendatarias dunha vivenda de promoción pública de
titularidade do IGVS, finalizase a vixencia do seu contrato, a partir da
entrada en vigor desta orde.
f) Aquelas ás cales, por concorrer
circunstancias de emerxencia social e non acadar o límite mínimo de
ingresos establecido no Programa de vivendas baleiras, a comisión de
seguimento e coordinación do citado programa lles propoña a adxudicación
dunha vivenda no marco do citado programa.
g) Aquelas que sendo
residentes en vivendas de entidades financeiras ou da Sociedade de
Xestión de Activos procedentes de Reestruturación Bancaria (Sareb), en
virtude dos convenios de colaboración subscritos entre o IGVS e as
citadas entidades, rematasen a vixencia do seu contrato de arrendamento
dentro dos seis meses anteriores á data de presentación da súa
solicitude de subvención do Programa do bono alugamento social.
Prazo de presentación de solicitudes: desde o 11/01/2019 ata o esgotamento do crédito, en todo caso non máis aló do 13/12/2019
Para máis información: https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=VI482A
No hay comentarios:
Publicar un comentario